Bea Gómez debuta no tríatlon "por diversión" en Arteixo

Pontevedra
08 de agosto 2016

A nadadora olímpica estreouse nunha nova disciplina nas filas do Motobike Galaico cun sétimo posto que cualificou de "muy buena experiencia". A pesar diso matiza que non ten intención de deixar a natación. A súa irmá, Carmen Gómez, subiu ao podio en Arteixo ao finalizar terceira

Bea Gómez durante o VI Tríatlon Concello de Arteixo
Bea Gómez durante o VI Tríatlon Concello de Arteixo

O VI Tríatlon Concello de Arteixo, proba clasificatoria para o Campionato Galego, tivo protagonismo olímpico e unha invitada de excepción.

O protagonismo olímpico foi para os gañadores absolutos, Fernando Alarza e Claudia Rivas, que estarán nuns días competindo en Río 2016, e a invitada, outra deportista con pasado nuns Xogos, os de 2012 pero en natación.

Bea Gómez Cortés aproveitou esta cita e o preiodo estival para debutar nunha proba oficial neste deporte, no que se introduciu as últimas semanas da man da súa irmá, a triatleta Carmen Gómez, co apoio do Motobike Galaico.

Foi unha "muy buena experiencia", tal e como ela mesma recoñeceu, "aunque muy dura" para finalizar na sétima praza cun tempo de 1 hora, 24 minutos e 34 segundos.

"Tengo claro que si voy a repetirlo necesito entrenar más", sinalou a pontevedresa a través das redes sociais, onde confirmou que o seu paso ao tríatlon é só "por diversión y por satisfacción personal", polo que en setembro volverá centrarse no seu deporte, a natación.

Tamén competiu en Arteixo a súa irmá Carmen e fíxoo con grandes resultados, xa que a pesar de ser aínda unha deportista junior subiu ao podio absoluto ao finalizar terceira. Fíxoo grazas a un tempo de 1:15:44, só superada por Joselyn Brea (1:13:53), e a gañadora, a olímpica Claudia Rivas (1:09:33).

O VI Tríatlon Concello de Arteixo disputouse en distancia sprint, con 750 metros de natación, 20 quilómetros de ciclismo e 5 quilómetros de carreira a pé.