Bea Gómez recibe en Ourense o premio á mellor deportista universitaria de 2019

Pontevedra
22 de novembro 2019

A nadadora pontevedresa Bea Gómez Cortés recibiu este xoves o seu premio á mellor deportista universitaria 2019. Foi nunha gala que a Universidade de Vigo celebrou no salón de actos do edificio politécnico do campus de Ourense

Bea Gómez Cortés, na Gala do Deporte Universitario
Bea Gómez Cortés, na Gala do Deporte Universitario / Universidade de Vigo

A nadadora pontevedresa Bea Gómez Cortés recibiu este xoves o seu premio á mellor deportista universitaria 2019. Foi nunha gala que a Universidade de Vigo celebrou no salón de actos do edificio politécnico do campus de Ourense.

Na gala presentada pola actriz Iria Pinheiro, que contou coa actuación da compañía Pablo Méndez Performance e coa asistencia de numeroso público, concedéronse 31 premios individuais e dez colectivos nun amplo abano de categorías que recoñeceron o compromiso de todos eles co deporte e cos seus valores.

O reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, foi o encargado de entregar a Bea Gómez a distinción á deportista do ano, un galardón que "é moi importante porque cada ano distingue a aquela ou aquel estudante que acadou grandes méritos deportivos ao longo do curso".

A festa do deporte da Universidade de Vigo tamén recoñeceu outros deportistas da comarca polos resultados obtidos nos Campionatos de España Universitarios 2019.

Así, recolleron os seus respectivos galardóns o loitador Pablo García, o xogador de bádminton Manuel Brea, os atletas Sergio Paredes e Raquel Meaños ou o taekwondista Iván García, entre outros.