Bea Gómez retoma a competición no prestixioso Circuíto Mare Nostrum

Pontevedra
04 de xuño 2015

As citas de Canet en Roussillon (Francia) e Barcelona, dentro do Circuíto Mare Nostrum, serán as primeiras competicións da nadadora pontevedresa tras a súa operación de corazón

Bea Gómez, Luisa Domínguez e María Vilas no Meeting de Canet 2014
Bea Gómez, Luisa Domínguez e María Vilas no Meeting de Canet 2014

Primeira cita coa competición para Bea Gómez Cortés despois da operación á que foi sometida para solucionar unha anomalía cardíaca.

A nadadora pontevedresa regresou aos adestramentos cunha concentración do equipo nacional en Serra Nevada e agora, tras ir recuperando sensacións pouco a pouco, volverá citarse coa competición de alto nivel.

Farao no prestixioso Circuito Mare Nostrum, no que se reunen algunhas da figuras internacionais da natación, con tres paradas: Canet en Roussillon (Francia), Barcelona e Mónaco.

Polo momento Bea Gómez foi convocada para as dúas primeira probas, a primeira esta fin de semana (6 e 7 de xuño) na localidade gala de Canet.

Alí a pontevedresa intentará recuperar a forma coa vista posta no Mundial de Kazán, para o que afrontará un intenso programa no que nadará os 200 e 400 libre, 200 e 400 estilos e os 200 costas.

Para a cita de Barcelona, prevista para os días 10 e 11 de xuño, a nadadora do Galaico está preinscrita nos 200 e 400 estilos, os 200 libre e os 100 braza.

Tamén foi incluída na convocatoria do equipo nacional a ribeirense María Vilas e Luisa Domínguez, adestradora do Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra.