Pamplona marca o inicio dun reto maiúsculo para Beatriz Felpeto, deportista do Club Taekwondo Mace Sport de Pontevedra.
A deportista do club pontevedrés iniciou con nota o camiño cara ao Campionato do Mundo de Técnica que se celebrará en Korea en 2022, ao impoñerse no Open de Pamplona, primeira cita puntuable para buscar a clasificación.
Felpeto conseguiu a vitoria na modalidade de trío xunto ás tamén galegas Zaida Velo e Elena Varela, logrando poñerse á fronte do ranking nacional.
O trío defenderá agora a súa posición de privilexio na seguinte xornada puntuable e que ademais terá lugar en casa, co XXIII Torneo Internacional Cidade de Pontevedra previsto para os días 30, 31 de outubro e 1 de novembro.
En Pamplona tamén competiu outro representante do Mace Sport, Ángel López, conseguindo a medalla de bronce na modalidade de freestyle.