Benja di adeus á tempada

Pontevedra
06 de maio 2015

O dianteiro granate sofre unha importante rotura de fibras e estará de baixa polo menos un mes. Pola contra as probas foron máis positivas para Jacobo, que podería chegar ao play-off

Benja realiza estiramentos nun adestramento co preparador físico, Roberto Valdés Daniel Santomé

O Pontevedra Club de Fútbol retoma este mércores os adestramentos tras o permiso de dous días de Luisito ao plantel como premio ao campionato ligueiro, certificado o pasado domingo ante As Pontes, e faino cunha noticia negativa.

As probas médicas ás que foi sometido Benja, que se retirou lesionado o pasado domingo tras pouco máis de 10 minutos no terreo de xogo, revelan que sofre unha importante rotura de fibras na zona dos isquiotibiais.

Esta lesión supón que o dianteira deberá estar de baixa polo menos un mes, polo que se perderá con total seguridade a eliminatoria de campións polo ascenso a Segunda B.

Máis positivos foron os resultados da ecografía realizada a Jacobo, que tamén foi cambiado ante As Pontes por problemas musculares. No caso do de Bueu non se aprecia rotura, aínda que si unha lixeira lesión muscular que aconsella o seu descanso nas próximas xornadas.

A súa evolución marcará a dispoñibilidade estas semamas, pero o obxectivo pasa por estar listo para a fase de ascenso.

É un caso similar ao de Adrián Gómez, ao que non se forzará esta semana para que chegue plenamente recuperado á fase definitiva da tempada.

O que si está plenamente reintegrado ao grupo é Fran Fandiño, que podería mesmo volver ao once inicial o próximo domingo en Cangas (18:00 horas) se Luisito o considera oportuno, choque ante o Alondras que se perderá Campillo por sanción.

A parte positiva para o técnico de Teo é que, de cumprirse as previsións e se non xorden imprevistos, só contaría coa ausencia de Benja na eliminatoria polo ascenso.