Bo arranque de Támara Echegoyen no Mundial 49erFX de Lanzarote

Pontevedra
06 de marzo 2024

A regatista pontevedresa e a súa compañeira Paula Barceló terminaron a primeira xornada do campionato na sexta posición provisional tras dúas regatas disputadas. Buscan en Lanzarote a súa terceira medalla mundialista dentro da folla de ruta que as levará no verán aos Xogos Olímpicos

Támara Echegoyen e Paula Barceló, durante unha regata
Támara Echegoyen e Paula Barceló, durante unha regata /

O Campionato do Mundo da clase 49erFX de Vela está en marcha desde este martes en augas de Lanzarote, cun arranque que foi positivo para Támara Echegoyen.

A regatista pontevedresa e a súa compañeira Paula Barceló finalizaron na sexta posición a primeira xornada do campionato tras as dúas primeiras mangas, disputadas en condicións de importante vento e ondada.

Echegoyen e Barceló fuerton segundas na primeira regata e oitavas na segunda para ese sexto posto provisional con 10 puntos, nunha xeral liderada polas chinesas Xiaoyu Hu e Mengyuan Shan e as neerlandesas Odile van Aanholt e Annette Duetz (4 puntos).

En total a frota de 49erFX completará esta semana ata 17 regatas ata a decisiva Medal Race prevista para o vindeiro domingo día 10 de marzo, na que só participarán os dez mellores barcos.

En Lanzarote Támara Echegoyen e Paula Barceló, xa clasificadas para os Xogos Olìmpicos, buscarán a que sería a súa terceira medalla mundialista, tras o ouro do ano 2020 e o bronce conseguido en 2022.

"Este Mundial forma parte este ano da nosa preparación para os Xogos Olímpicos, así que imos aproveitalo ao máximo e daremos o mellor de nós para alcanzar un bo resultado", recoñeceu na previa do campionato a regatista olímpica pontevedresa.