Bo inicio do Waterpolo Pontevedra no Campionato de España Xuvenil

Pontevedra
28 de xuño 2019

A piscina da Escola Naval Militar de Marín acolle ata o vindeiro domingo 30 de xuño o Campionato de España de Waterpolo Xuvenil de 2ª Categoría

Equipo xuvenil do Waterpolo Pontevedra no Campionato de España
Equipo xuvenil do Waterpolo Pontevedra no Campionato de España / Club Waterpolo Pontevedra

A piscina da Escola Naval Militar de Marín acolle desde este xoves, e ata o domingo día 30 de xuño, o Campionato de España Xuvenil de Waterpolo de 2ª Categoría.

A cita non puido comezar de mellor maneira para o club anfitrión, o Waterpolo Pontevedra, que na súa estrea venceu o CW Elx por 9 goles a 6.

Xa este venres, no seu segundo enfrontamento, os pontevedreses repetiron triunfo ao superar ao Casabranca (10-5) para consolidarse no liderado do seu grupo e poñer un pé na fase eliminatoria da fin de semana, unha clasificación que pode confirmar este mesmo venres (20:00 horas) ante o Portugalete.

Pola súa banda no Grupo 2, as primeiras vitorias foron para Xerez ante Lautada e Colegio Brains ante o RCN Vigo.

Aínda que se trata dun obxectivo ambicioso e complicado, a meta de todos os equipos é poder proclamarse vencedor do torneo na final do domingo e así lograr a clasificación para o Campionato de España Xuvenil de 1ª Categoría que terá lugar en Terrasa.

En Marín danse cita estes días unha decena de clubs de oito comunidades autónomas. Así, ademais de Pontevedra e Vigo, compiten CN Las Palmas, CW Elx, Stadium Casablanca, CN Portugalete, WP Jerez, C Brains, CN Calvia e Lautada WP.