Bo papel do Club Loita Pontevedra no Torneo Internacional Xóvenes Promesas

Pontevedra
26 de abril 2023

Ata tres medallas conseguiron deportistas do club pontevedrés no torneo internacional celebrado na localidade alacantina de La Nucía, cita que formaba parte do proceso de selección para próximas competicións internacionais

Deportistas galegos no Torneo Internacional Xóvenes Promesas de Loita en La Nucía
Deportistas galegos no Torneo Internacional Xóvenes Promesas de Loita en La Nucía / Federación Galega de Loita

Os novos talentos do Club de Loita Pointevedra veñen pegando forte.

Así o demostraron Iago Fernández e Carmen Naveiro no Torneo Internacional Xóvenes Promesas celebrado a pasada fin de semana na localidade alacantina de La Nucía.

Xunto a un grupo de deportistas galegos bolseiros no CGTD de Pontevedra, adestrados por Rubén Méndez e Marcos Miragaya, lograron ata tres medallas nunha competición na que tomaban parte loitadores de nove países.

En concreto Iago, en idade júnior, conseguiu senllos terceiros postos nas categorúas U23 e U20, mentres que a cadete Carmen Naveiro foi tamén terceira en U17.

Resultados importantes nunha cita que formaba parte ademais do proceso de selección para os próximos eventos nacionais e internacionais, como o Torneo Internacional de Romanía.

Tras o torneo tanto Iago Fernández como o adestrador Marcos Miragaya desprazáronse ata o Centro de Alto Rendemento de Madrid para participar nunha concentración co equipo nacional.