Bo papel do piragüismo pontevedrés na I Copa de España Sprint 2021

Pontevedra
26 de abril 2021

A EP Ciudad de Pontevedra concluíu no cuarto posto na clasificación xeral, mentres que o Breogán do Grove foi quinto

Diego Domínguez, do Breogán (centro), no podio da Copa de España en Trasona
Diego Domínguez, do Breogán (centro), no podio da Copa de España en Trasona / Federación Galega de Piragüismo

A primeira Copa de España de Sprint Olímpico da tempada, celebrada durante a fin de semana no encoro asturiano de Trasona, deixou grandes resultados para o piragüismo pontevedrés.

Na clasificación por equipos, aínda que o vencedor foi o Club Piragüismo Aranjuez con 1174 puntos, os clubs das Rías Baixas renderon a gran nivel, cun cuarto posto final para a EP Ciudad de Pontevedra (454 puntos) e o quinto lugar do Breogán do Grove (429 puntos).

Diego Romero (Breogán) conseguiu unha das primeiras medallas ao colgarse a prata na final de  C-1, que contaba con sete representantes galegos, mentres que Carla Sieiro (Piragüismo Poio-Pescamar) conseguía o terceiro posto en  C-1 sénior.

Pola súa banda en categoría xuvenil Diego Domínguez (Breogán) conseguía o ouro, e Valeria Oliveira (Piragüismo Poio) levaba a vitoria por diante de Claudia Couto (EP Ciudad de Pontevedra).

Nas embarcacións dobres, concretamente no C-2 sénior, impoñíanse David Barreiro e Noel Domínguez (Breogán), superando a Adrián Sieiro e Sergio  Vallejo (Piragüismo Poio).

Pola súa banda no K-2 500 feminino, Jennifer Casal e María de la Peña (EP Ciudad de Pontevedra) conseguían facerse co bronce.

Terceiros foron tamén en categoría xuvenil Diego Domínguez e Pedro Díaz (Breogán) no C-2, mentres que Claudia Coto e Lucía Graña (EP Ciudad de Pontevedra) facíanse coa medalla de prata na súa proba.

A Copa de España terminaba o domingo coas finais de  K-4 e  C-4, cunha loita na canoa  masclina entre as embarcacións do Breogán e Piraguismo Poio, decantándose a vitoria para a tripulación do Grove. 

Por último, no paracanoe Enrique Navas (Breogán) obtivo un bronce e Andrea Galego (Breogán) un ouro.