Boa acollida para as actividades do Programa Xogade para o último tramo do curso escolar

Pontevedra
14 de febreiro 2018

A Agrupación Deporte Base Pontevedra móstrase satisfeita polo número de inscricións en actividades como o Fútsal-6, a loita, a promoción de atletismo en pista ou o Xoga Tenis

Actividade do Programa Xogade en Pontevedra Agrupación Deporte Base Pontevedra

A Agrupación Deporte Base de Pontevedra móstrase satisfeita coa alta cifra de participación nas actividades que tutela dentro do Programa Xogade de promoción do deporte e a actividade física en idade escolar.

"Un dos eixos principais destas actividades é a inclusión do maior número de alumnas e alumnos posibles", asegura o presidente da agrupación, José Pereira.

Nas actividades iniciadas co mes de febreiro e que se prolongarán ata xuño, coincidindo co fin de curso, está a ofertarse aos colexios o Fútsal-6, a loita, a promoción de atletismo en pista e o Xoga Tenis.

"Alégranos a gran acollida que están a ter estas actividades nos diferentes centros de Pontevedra e Poio", sinalou Pereira tras visitar centros educativos nestes dous municipios.

Para facilitar a participación dos nenos e nenas, o servizo provincial de Deportes da Xunta de Galicia pon a disposición dos colexios o transporte escolar de ida e volta ás actividades e o seguro para os alumnos.

Os colexios de Poio ou os pavillóns de Príncipe Felipe e do  CGTD en Pontevedra son algunhas das instalacións nas que levarán a cabo as actividades, sempre en horario lectivo e coa colaboración das federacións galegas de Tenis e Loitas Olímpicas.