Boa estrea do medio maratón Maralba con Manuel Hurtado e Vanessa Veiga como vencedores

O Salnés
28 de setembro 2014

628 atletas estaban inscritos para a proba, que uniu as localidades do Grove e Cambados na súa primeira edición. A organización garante continuidade, aínda que o próximo ano a orde de saída e chegada se intercambiará

Manuel Hurtado e Vanessa Veiga, gañadores do Maralba Running Fest
Manuel Hurtado e Vanessa Veiga, gañadores do Maralba Running Fest /

Os prognósticos deportivos cumpríronse na estrea do medio maratón Maralba Running Fest entre O Grove e Cambados, celebrado na mañá deste domingo.

Manuel Hurtado en categoría masculina e a olímpica Vanessa Veiga na feminina resultaron vencedores dunha proba que contaba con 628 atletas inscritos.

Hurtado parou o cronómetro en 1 hora, 8 minutos e 50 segundos, un menos que o segundo clasificado, o atleta da Gimnástica Robertas Geralavicius. Terceiro foi Hassan Lekhili (1:09:10).

En categoría feminina a máis rápida foi Veiga cun tempo de 1:17:54, seguida de Leticia Fernández (1:21:05) e a venezolana Joselyn Brea (1:23:12).

A organización, despois da positiva imaxe da carreira, garante a continuidade do Maralba Running Fest, aínda que en 2015 se intercambiará a orde de saída e chegada, dende Cambados ao Grove.