Más de dous meses leva afastado dos terreos de xogo Borja Domínguez, desde que na primeira xornada de liga, aos 29 minutos de xogo, tivo que pedir o cambio por lesión ao sufrir un contratempo muscular. Nada facía pensar entón que o problema físico complicaríase de tal maneira. Agora, dez xornadas despois, está en disposición por fin de volver a unha convocatoria do Pontevedra Club de Fútbol.
"A verdade é que levo dúas semanas adestrando co grupo e as sensacións son bastante boas, volvo coller ritmo e iso é o importante, a lesión parece que está pasada e estou moi contento", recoñece a PontevedraViva o centrocampista.
"Foi unha lesión que nun principio parecía que era pouco pero foi bastante grave. Ao principio fixemos unha recuperación baseándonos niso e a realidade é que era bastante grande e foi máis complicado de curar", explica Borja. Ademais a cautela para evitar unha recaída foi un aspecto decisivo para decidir tomar o tempo necesario para a recuperación, porque "estamos no incio da tempada e o importante é que cicatrice ben, que cure ben, para ter o resto da tempada limpa".
"As sensacións para min estaban a ser boas en pretempada e por iso quizais me amolou máis a lesión"
En todo caso quedar fóra de xogo doeulle especialmente. Estaba a sentirse cómodo co seu rol no equipo, xa que "o fútbol que nos transmite Yago é algo que a min me gusta, poténciame como xogador, e atópome a gusto. As sensacións para min estaban a ser boas en pretempada e por iso quizais me amolou máis a lesión".
Iso por fortuna xa é pasado, e despois de tantas semanas sen poder estar ao dispor de Yago Iglesias, o futbolista vigués está "con moitas ganas de poder volver a unha convocatoria", aínda que sabe que tras debutar na primeira xornada como titular e como unha das referencias para seguir do plantel agora entrar no once vai ser todo un reto.
"O equipo está a funcionar, os que están a xogar están a facelo ben, pero eu vou poñerme ao dispor do míster para o que me necesite. Alí estarei, os minutos que el queira", afirma convencido de que volverá chegar o seu momento de pelexar pola titularidade. "Como sempre fixen na miña carreira pelexarei por iso", asegura, e ademais ao longo dunha liga "necesitamos de todos e temos que sumar desde todas as partes do campo".
En canto ao equipo e o seu futuro inmediato, Borja Domínguez mira xa como uno máis á próxima xornada de liga, coa visita ao Marino de Luanco nun encontro no que "a idea é volver gañar, recuperar as sensacións de vitoria que son importantes, porque ao final se queremos ascender de primeiros todos sabemos que temos que sumar de tres".