Bronce para Alba Lago no campionato do mundo de sprint júnior e sub-23 de piragüismo

Pontevedra
05 de xullo 2026

Outro padeeiro da provincia deu a España o seu primeiro cetro mundial. Foi Raúl Fernández (As Torres Romaría Viquinga de Catoira), que foi ouro na final do C1 200 sub 23

Alba Lago coa súa medalla de bronce no Mundial de Halifax
Alba Lago coa súa medalla de bronce no Mundial de Halifax / Real Federación Española de Piragüismo

Continúan os éxitos para o piragüismo pontevedrés no campionato do mundo de sprint júnior e sub-23 que se está celebrando na localidade canadense de Halifax.

Na segunda xornada de finais chegaron novas medallas para os nosos padeeiros.

Unha delas foi para Alba Lago (Escola de Piragüismo Cidade de Pontevedra), que colgou a medalla de bronce na proba de C2 200 junior feminino.

Fíxoo, xunto á súa compañeira na canoa, a aragonesa Irene Lahoz.

Gañaron as favoritas, a parella canadense Haines e Tran, seguidas das húngaras Poszpischil e Hamar que entraron en meta a 25 centésimas das gañadoras.

As españolas fixérono en terceira posición a 1,40, cun tempo de 46,73.

Pola súa banda, outro padeeiro da provincia deu a España o seu primeiro cetro mundial.

Foi Raúl Fernández (As Torres Romaría Viquinga de Catoira), que foi o ouro na final do C1 200 sub 23.

Converteuse no canoísta sub 23 máis rápido do mundo mercé a unha gloriosa regata na que conseguiu facer a distancia en 41.38, deixando aos seus dous compañeiros de podio, o húngaro Rumi e o xeorxiano Tsivtsivadze, a 0,18 segundos.

A estas dúas medallas sumouse unha terceira presea galega, a que obtivo Antón Lagares (Ría de Betanzos), que logrou colgarse o bronce no C4 500 junior.

Houbo ademais outros deportistas pontevedreses que quedaron moi preto do podio.

Unha delas foi Valeria Oliveira (Piragüismo Poio), que xunto con Nerea Novo (Náutico Pontecesures), concluíu en cuarta posición, a 22 centésimas do bronce, na proba de C2 200 sub 23.

Natalia Moreira (Escola de Piragüismo Cidade de Pontevedra), pola súa banda, gañou a final B na carreira do K1 500 sub 23.