Bronce nacional para o equipo infantil de esgrima da Escola Hungaresa

Pontevedra
06 de xuño 2024

O club pontevedrés participou con seis deportistas no Campionato de España de Esgrima Infantil celebrado en Valladolid

Equipo infantil da Escola Hungaresa no Campionato de España en Valladolid
Equipo infantil da Escola Hungaresa no Campionato de España en Valladolid

Ata Valladolid desprazouse a Escola Hungaresa de Esgrima para participar no Campionato de España de Esgrima Infantil 2024.

Seis deportistas representaron o club pontevedrés na competición, na que sumaron unha medalla de bronce por equipos na modalidade de sabre feminino.

Trátase da segunda medalla lograda por este equipo tras a conseguida a tempada anterior na mesma categoría. Nesta ocasión Candela Touriño, Carmen Laia Cubela e Mariña Prieto superaron o cadro de oito equipos vencendo o Club de Esgrima El Gato de Madrid por 45 toques a 38, cedendo despois na semifinal por un axustado 43-45 fronte ao Sala de Armas de Madrid. En canto á pelexa polo bronce, superaron o Club de Esgrima de Madrid por 45 a 41.

A nivel individual o mellor resultado foi o de Mariña Prieto, ao finalizar na oitava posición do campionato, mentres que Cubela e Touriño despedíronse na rolda eliminatoria das 32 mellores.

En Valladolid tamén representaron á Escola Hungaresa, en categoría masculina, Matías Villamor, Álvaro Rodríguez e Brais Soengas. Os dous primeiros finalizaron a competición indivual nunhas meritorias 12ª e 16ª praza, mentres que Soengas foi eliminado na rolda de 64 tiradores. Os tres xuntos, no torneo por equipos, cederon no cadro dos oito mellores contra o Sala de Armas de Madrid por 45 toques a 26.