Bronce para as pontevedresas Claudia Couto e Lucía Graña no Mundial júnior de piragüismo sprint

Pontevedra
05 de setembro 2021

Novo éxito para as padeeiras da Escola de Piragüismo Ciudad de Pontevedra. Dúas das súas integrantes, Claudia Couto e Lucía Graña, lograron a medalla de bronce na final de C2 200 metros no Mundial júnior de piragüismo sprint que se está disputando en Portugal

Claudia Couto e Lucía Graña (á dereita) no podio do Mundial júnior de piragüismo sprint
Claudia Couto e Lucía Graña (á dereita) no podio do Mundial júnior de piragüismo sprint / Federación Galega de Piragüismo

Novo éxito para as padeeiras da Escola de Piragüismo Ciudad de Pontevedra. Dúas das súas integrantes, Claudia Couto e Lucía Graña, lograron a medalla de bronce na final de C2 200 metros no Mundial júnior de piragüismo sprint que se está disputando en Portugal.

As pontevedresas quedaron a tan só 520 milésimas do ouro, que foi para as húngaras Agnes Kiss e Zsofia Csorba cun tempo de 45.15. A prata foi para as rusas Sofia Shtil e Elizaveta Vypriazhkina.

Esta medalla é a primeira para a delegación galega desprazada a terras portuguesas, onde está a realizar unha notable actuación nas finais disputadas ata o de agora.

Así, Claudia Couto foi novena na final individual de C1 500 metros, mentres que Diego Domínguez (Breogán do Grove) acabou sétimo na final de C1 1.000 metros.

A parella formada polo pontevedrés David Bautista (EP Ciudad de Pontevedra) e Yoel Becerra (Real Club Naútico Rodeira), pola súa banda, terminou en quinto lugar na final de C2 500 metros.

Na categoría sub 23, Manuel Fontán (Náutico O Muiño) e Martín Jácome (EP Ciudad de Pontevedra) quedaron ás portas das medallas tras ser cuartos na final de C2 500 metros, conseguindo así un meritorio cuarto posto.

María Pérez (Náutico O Muíño) e María de la Peña (EP Ciudad de Pontevedra) foron sétimas na final feminina da mesma distancia. 

Ademais, na proba de K2 500 metros o lucense Xoel García, que competía xunto ao murciano Lázaro López, foi quinto.

Varias finais B tamén tiveron presenza galega. Irene Lata (Ría de Betanzos) foi sétima na de K1 500 sub23, Noel Domínguez (Breogán do Grove) gañou a de C1 1.000 sub 23 e Iván Fernández (Ría de Betanzos) foi segundo na de K1 200 metros.