Bronce para Martín Bouzas no Campionato de España Contrarreloxo Sub-23

Pontevedra
23 de xuño 2017

O ciclista do Froiz quedou a 13 segundos de poder revalidar o título e tívose que conformar co terceiro chanzo do podio na competición celebrada en Soria

Martín Bouzas (dereita) no podio do Campionato de España Contrarreloxo Sub-23
Martín Bouzas (dereita) no podio do Campionato de España Contrarreloxo Sub-23

Non puido revalidar Martín Bouzas o seu título de Campión de España Contrarreloxo Sub-23 na competición que se celebra durante toda a fin de semana en Soria, pero polo menos logrou subir de novo ao podio.

O ciclista do Grupo Deportivo Supermercados Froiz foi terceiro na crono celebrada este venres nun circuíto de 18,7 quilómetros e cunha temperatura próxima aos 30 graos, a pesar de comezar ás 10:00 horas.

Bouzas quedou a 13 segundos do título ao finalizar cun tempo de 25 minutos e 3 segundos.

"Estou moi contento, deino todo, penso que fixen unha crono perfecta regulando onde tiña que facelo e chegando baleiro a meta. Os rivais foron máis fortes e nada máis", sinalou o ciclista galego ao termo da proba.

O mellor dos 35 participantes foi o aragonés Jaime Castrillo (24'50''), mentres a medalla de prata foi para o seu compañeiro Sergio Samitier (24'54'').

O Campionato de España de Ciclismo en Ruta continuará durante o sábado 24 e o domingo 25 de xuño coas carreiras de fondo.