Bruno e Paco marchan cedidos a Bertamiráns e Villalonga

Pontevedra
04 de agosto 2014

O Pontevedra cancela os encontros amigables do sábado 9 ante o Céltiga e mércores 20 ante Estudiantil, pero fixa un novo encontro, este xoves 7 de agosto ante o Marcón no Carrasco

Bruno no primeiro adestramento do Pontevedra CF 2014-2015 en Pasarón
Bruno no primeiro adestramento do Pontevedra CF 2014-2015 en Pasarón / Mónica Patxot

O Pontevedra Club de Fútbol cederá por unha tempada a dous dos xogadores que o pasado curso actuaban co filial. Trátase de Bruno Rivada e Paco Reigosa.

Bruno xogará ademais en Terceira División ante un dos rivais do equipo granate, o Bertamiráns, mentres Paco o fará en Preferente nas filas do Villalonga.

Segundo explica o club pontevedrés "o obxectivo é que continúen completando a súa formación como futbolistas para que regresen, no futuro, ao club granate".

Por outro lado a entidade lerezana cancelou dous dos encontros que tiña fixados durante a pretempada, o do próximo sábado 9 ante o Céltiga e o do mércores 20 de agosto ante o Estudiantil.

Como compensación o Pontevedra xogará este mesmo xoves no campo do Carrasco ante o Marcón Atlético (20:00 horas). O resto de encontros confirmados durante o mes de agosto son o do Ribadumia (10 de agosto no campo cambadés de Burgáns), Portonovo (15 de agosto en Baltar) e Xuventú Sanxenxo (17 de agosto en Baltar de Arriba).