O Concello de Bueu, a Asociación Veciñal por Beluso (Asbel), o Club de Atletismo Corredoiras e Galaicas Bueu organizan o 31 de decembro a primeira edición da Carreira Silvestre de Bueu, na que haberá andaina e carreira, ademais dunhas olimpíadas para a cativada.
Na presentación da cita explicaron que esta carreira xurdiu este ano por primeira vez cun marcado carácter social, lúdico e deportivo. Poderán participar todas as persoas que o desexen, independentemente da súa idade. A saída será ás 18 horas dende a zona das Lagoas para completar un circuíto urbano de 2,5 quilómetros, que continuará polas rúa Johan Carballeira, Montero Ríos, Banda do Río e regreso cara o Centro Social do Mar e ata as Lagoas. Ao remate haberá chocolate quente para todas as persoas participantes.
Dende a organización suxiren unha indumentaria especial, na que se dividen as persoas participantes por parroquias e cores: as de Bueu poderán levar camiseta amarela, as de Beluso, azul; as de Cela, verde; as de Meiro e Ermelo, vermello; e as de Ons, rosa. As inscricións están abertas ata o venres e pode facerse a través dun sinxelo formulario online.
Ademais das carreiras, ese día tamén están programados a partir das 15 horas unhas olimpíadas infantís, que se celebrarán na contorna das Lagoas e nas que haberá categorías de benxamín (nados no 2013 e 2014) e alevín (nados no 2011 e 2012) e dez modalidades atléticas: 50 m/l, 100 m/l, 200 m/l, 400 m / obstáculos, lanzamento de peso, lanzamento de xabalina, remudas 4 x 100 m, salto de altura, salto de lonxitude e triple salto.