O Marín Futsal caeu goleado por 6-1 fronte ao Burela nun encontro dominado desde o inicio polas locais, que non deron opcións a un equipo rival que aguantou como puido.
O partido foi un monólogo das laranxas de principio a fin, tiña a posesión e, cando a perdía, enseguida recuperábaa para facer dano na portaría dun Marín Futsal que resistía como podía.
Apenas se cumpriu o segundo minuto de xogo e, na primeira xogada de estratexia por parte dos locais en saque de banda, chegou o primeiro tanto. Antía Pérez puxo o balón no segundo pau e Dinha encargouse de anotar o 1-0.
As locais eran as donas do esférico e xogaban en campo rival contiuamente. O Marín, mentres tanto, achicaba balóns e salvábase dunha maior goleada grazas á madeira e ás intervencións de Patri Arruti.
De feito é que foron en total tres disparos os que xutou o Burela á madeira na primeira metade.
No minuto 4, Antía roubou en campo contrario, plantouse no man a man con Arruti, pero o seu lanzamento estrelouse na cruceta. Despois, Patricia tentou facer o segundo, pero entre a porteira marinense e o pau encargáronse de evitalo.
Por último e a falta de 2 minutos para o descanso, unha parede entre Dani e Cris terminou nun disparo raso cruzado desta última que deu no pau dereito.
Necesitaba un lavado de face o Marín na segunda metade, pero todo veu abaixo aos 30 segundos cando Dinha serviulle o balón a Débora para que anotase o 2-0.
Dous minutos despois, Antía volveuse a converter en asistente e enviou unha diagonal ao segundo pau a Débora, quen transformou o terceiro.
O partido xa estaba sentenciado, pero o Burela aínda quería máis. Así, aos oito minutos e aproveitando un erro garrafal das visitantes en defensa, Cilene regaloulle o esférico a Dani e fixo o 4-0.
Apostou entón o Marín polo ataque con porteira xogadora, pero non conseguiu xerar perigo. En lugar diso, Noelia Montoro e Cris, ambas as a portaría buxán, anotaron o quinto e o sexto tanto, respectivamente, para sentenciar o encontro.
Con todo, aínda quedaba tempo para máis e as pupilas de More non querían quedar sen o seu premio. Restaban tres minutos para a conclusión e Miriam, a pase de Café, anotou o tanto da honra que puxo o 6-1 co que finalizou o derbi galego.