Cada punto en Asobal vale o seu peso en ouro

Pontevedra
02 de marzo 2016

O Teucro, que caeu a postos de descenso tras a súa derrota ante o Ángel Ximénez, atópase a só tres puntos do oitavo clasificado, o Benidorm.O choque do próximo sábado na cancha do Puerto Sagunto, rival directo pola permanencia, é vital para os azuis  

Samu Gómez durante un adestramento do Teucro no Municipal
Samu Gómez durante un adestramento do Teucro no Municipal / Mónica Patxot

A igualdade é máxima na loita pola permencia na liga Asobal de balonmán, na que está metida de cheo a Sociedad Deportiva Teucro. 

Os azuis, tras a súa derrota na casa ante o Ángel Ximénez, caeron por primeira vez na tempada a postos de descenso, con 12 puntos, pero atópanse a só tres do oitavo posto que ocupa o Benidorm.

Oito equipos están nunha marxe de tres puntos, polo que o próximo encontro ligueiro en Puerto Sagunto (Sábado 18:30 horas), que avantaxa ao Teucro nun, antóllase como clave na tempada dos pontevedreses.

Tamén o será despois recuperar a súa fortaleza como local, xa que tras Puerto Sagunto afrontarán tres choques no Municipal no prazo dun mes, empezando ante outro rival directo como o Benidorm o día 19 de marzo.

Sábeo un plantel que segue competindo en cada encontro e que necesita sumar o seu primeiro triunfo a domicilio para coller aire na clasificación.

SAMU GÓMEZ, CONVOCADO COA SELECCIÓN NACIONAL JUNIOR

O salto de calidade dado por Samuel Gómez coa súa fichaxe polo Teucro, pasando por xogar en Primeira Nacional a facelo na liga Asobal e con moita presenza no equipo, non pasou desapercibido para o seleccionador nacional junior, Isidoro Martínez.

O xogador azul foi citado para unha concentración da selección española da categoría que se desenvolverá do 20 ao 23 de marzo en León.