Expectación ante a celebración da III Carreira de Orientación Concello de Caldas de Reis.
A cita deportiva, que se celebrará o vindeiro domingo 2 de marzo, ten garantido un "moi bo ambiente", segundo asegura o edil de Deportes, Manuel Fariña.
Xa son máis de 175 as persoas confirmadas, o que fai confiar en bater a marca de participación das súas primeira edicións.
A proba terá lugar por un circuíto urbano en plena vila termal, coa peculiaridade de que non se producirán cortes de tráfico polo que se pide a vos participantes respectar as normas viarias.
"É unha nova oportunidade única para coñecer e gozar de Caldas de Reis e de todos os recunchos marabillosos que temos. As edicións anteriores foron fantásticas en canto á participación e agardamos nesta ocasión volver cumprir as expectativas", afirma Fariña.
As persoas que queiran participar poden facelo de maneira individual ou por grupos de até catro persoas.
As categorías habilitadas son 'Xestiñas', para os menores de idade, cun percorrido sinxelo física e tecnicamente de menos de 3 quilómetros; 'Xesta', xa para persoas adultas dun nivel de esixencia media e menos de 4 quilómetros; e 'Xesteiras' para deportistas con coñecementos en orientación medio-altos e máis de 5 quilómetros en total.
As saídas produciranse de maneira gradual a partir das 11.00 horas da mañá, sendo posible incribirse de balde en xestanatureza.com.