Campañó abre un mes de puro ciclocrós en Pontevedra

Pontevedra
05 de decembro 2018

O terceiro Trofeo Ciclocrós Concello de Pontevedra organizado polo CD Pinarium e incluído na Copa Galicia da especialidade reunirá máis de 300 ciclistas o vindeiro sábado 8 de decembro no Hipódromo de Campañó

Pablo Beis e Anxos Riveiro na presentación do III Trofeo Concello de Pontevedra de Ciclocrós Mónica Patxot

Pontevedra prepárase para un mes no que se converterá nun dos centros do tríatlon autonómico e nacional, con ata tres competicións de gran nivel.

Abrirá fogo o vindeiro sábado 8 de decembro o terceiro Trofeo Concello de Pontevedra de Ciclocrós no Hipódromo de Campañó, proba incluída na Copa Galicia da especialidade e que reunirá máis de 300 ciclistas entre as diferentes categorías.

"Vai ser moi dura", explicou Pablo Beis, representante do Club Deportivo Pinarium, sobre a competición, que repite circuíto no Hipódromo e que servirá de test para o Campionato de Galego que se disputará a final de mes, o 30 de decembro, no mesmo lugar aínda que con lixeiras variacións no percorrido.

Este trofeo, que recuperou para o municipio unha disciplina clásica como o ciclocrós, "vai a dar froito co Campionato de España o próximo mes de xaneiro", recoñeceu á súa vez na presentación a concelleira de Deportes, Anxos Riveiro, sobre o Nacional que terá lugar na  Illa dás Esculturas.

En canto á Copa Galicia do día 8 de decembro, a actividade iniciarase ben cedo, ás 9:30 horas, cunha carreira de promoción, e continuará desde as 10:00 coas saídas das categorías cadete, júnior e máster. Finalmente, ás 12:00 horas, competirán a deportistas elite e sub-23, tanto nas categorías feminina como masculina.