Blanca Tolsá abre a Bienal de Artes Vivas que ofrece a mellor creación contemporánea

Pontevedra
03 de xullo 2026

A programación continúa no convento de Santa Clara con propostas de teatro, danza, conferencias escénicas, música e circo, tras as dúas primeiras actuacións deste xoves

Danza de Blanca Tolsá na Bienal de Artes Vivas
Danza de Blanca Tolsá na Bienal de Artes Vivas / Cristina Saiz

A primeira edición da Bienal de Artes Vivas de Pontevedra, organizada pola Deputación de Pontevedra, iniciou a súa actividade este xoves con éxito de público no convento de Santa Clara.

O programa, titulado Nas marxes e comisariado por Iñaki Martínez Antelo, ofrece un total de 22 propostas de disciplinas como performance, danza, teatro, música, poesía e circo entre o 2 e o 12 de xullo. 

A xornada de apertura contou o xoves con dúas actuacións co aforo completo. A primeira foi a estrea en Galicia da peza de danza Microdesfase: desajuste para voz y espacio, da coreógrafa Blanca Tolsá, quen estivo acompañada polo técnico de son Finn McLafferty e o deseñador sonoro Albert Tarrats.

Danza de Blanca Tolsá na Bienal de Artes Vivas
Danza de Blanca Tolsá na Bienal de Artes VivasCristina Saiz

A continuación, os xardíns do recinto acolleron a estrea absoluta do concerto-acción Clo Pau Plas Pedra, un proxecto conxunto de Clo Plas (Berio Molina e Xiana Arias), Diego Vites e Javi Álvarez.

As actividades continúan hoxe, venres 3 de xullo, na igrexa de Santa Clara con dous pases (ás 18:00 h e ás 20:00 h) de La fuerza de la gravedad, unha obra de teatro dirixida polo arxentino Martín Flores Cárdenas e interpretada por Laura López Moyano.

O sábado 4 de xullo o programa recolle tres propostas diferentes. A tarde comezará ás 18:00 h no coro coa conferencia escénica de Lara Brown, titulada Tórtola Valencia, pienso en ti con mis manos.

Ás 19:30 h, a igrexa acollerá o concerto Bestia sagrada, de Isabel Do Diego, proxecto musical do artista Juan Diego Calzada.

A xornada rematará ás 21:00 h nos xardíns coa estrea absoluta da peza de danza O raro é que bailar sexa raro, a cargo da compañía VACAburra, integrada por Andrea Quintana, Gena Baamonde, Olga Cameselle, Ailén Kendelmán e Gael Martins.

O domingo 5 de xullo a programación matinal estará dedicada ao público familiar coa obra de circo Sen patrón, da compañía Pistacatro, programada para as 12:00 h nos xardíns.

Pola tarde, o autor Javier Hernando (do colectivo Los Bárbaros) presentará na igrexa a obra de teatro documental Extraña alegría, con dous pases fixados para as 18:00 h e as 20:00 h.

A organización informa de que as entradas para os espectáculos do venres e do sábado están esgotadas. O acceso a todas as actividades é gratuíto previa reserva a través da páxina web oficial do evento.