Carmen Gómez, lonxe dos primeiros postos na Copa de Europa de Gran Canaria

Pontevedra
19 de marzo 2018

A triatleta pontevedresa, recentemente saída dunha lesión, non puido repetir en Canarias o podio logrado en 2017 na carreira que supuxo a súa estrea competitiva esta tempada

Carmen Gómez (de rosa) na rolda de prensa previa á Copa de Europa de Gran Canaria
Carmen Gómez (de rosa) na rolda de prensa previa á Copa de Europa de Gran Canaria

Non puido repetir Carmen Gómez Cortés o seu espléndido resultado de 2017 na Copa de Europa de Tríatlon de Gran Canaria, claro que as circunstancias eran ben diferentes nesta ocasión.

A deportista pontevedresa do Tríatlon Ferrol chegaba á cita, a súa primeira competición da tempada, recentemente saída dunha lesión, ao que se sumaba o cambio de distancia da proba que pasou á modalidade sprint (750 metros de natación, 20 quilómetros de ciclismo e 5 quilómetros de carreira pé) en lugar da distancia olímpica.

Carmen Gómez non puido pasar do posto 23 na liña de meta nunha carreira na que foi de máis a menos. Completou o primeiro sector preto dos primeiros postos, pero perdeu tempo na transición e viuse distanciada no ciclismo. Despois, xa con menos forzas, completou a carreira a pé para asinar un tempo de 1:07:41.

A vencedora en Gran Canaria foi para a británica Georgia Taylor- Brown cun tempo de 1:03:36, superando así ao seu compatriota e principal favorita ao ouro Jodie Stimpson (1:03:43).

O vindeiro sábado día 24 de marzo Carmen Gómez Cortés afrontará unha nova proba internacional coa Copa de Europa de Quarteira, en Portugal, na que tentará seguir mellorando o seu estado de forma.