Case 2.000 inscritos para un Medio Maratón de Pontevedra que volve ser de record

Pontevedra
13 de outubro 2016

Tras o peche do prazo de inscrición son 1.987 os atletas anotados para a carreira, que se celebrará o vindeiro domingo, 16 de outubro. 400 deles competirán polo título de campión galego. Supón un incremento do 14% con respecto ao pasado ano, no que se bateu o record de participantes 

Participantes no XX Medio Maratón Cidade de Pontevedra
Participantes no XX Medio Maratón Cidade de Pontevedra / Diego Torrado

É unha constante nos últimos anos, nos que cada edición supón un record de participantes, e a próxima, prevista para este domingo 16 de outubro, non será menos.

O XXI Medio Maratón de Pontevedra pulverizou a súa cifra máxima de inscritos unha vez pechado o prazo habilitado pola Sociedad Gimnástica.

En total, entre os anotados só para esta carreira, para todo o Circuíto de Carreiras Populares e para o Campionato de Galicia da distancia, inscribíronse 1.987 atletas, o que supón un incremento do 14% con respecto ao pasado ano (1.734).

En 2015 foron finalmente 1.521 os que tomaron a saída, e aínda que se espera que non todos os anotados acaben participando, o record parece unha vez máis asegurado.

De todos os inscritos, 400 atletas serás os que competirán polo título autonómico.

A saída do XXI Medio Maratón de Pontevedra está fixada para as 11:00 horas do domingo desde a ponte dos Tirantes. A meta, tras dúas voltas a un circuíto de pouco máis de 10 quilómetros, estará situada na pista de atletismo do Centro Galego de Tecnificación Deportiva.