Case 6.000 inscritos para unha San Silvestre que volverá bater o seu record de participación

Pontevedra
28 de decembro 2015

O pazo de insripción pechou este domingo con 5.968 deportistas anotados, pulverizando o rexistro do pasado ano. Os dorsais poden retirarse a partir deste luns e ata o día 31 de decembro na Casa da Luz

Participantes na carreira popular de San Silvestre 2014 Mónica Patxot

Un ano máis a San Silvestre pontevedresa confírmase como a máis importante de Galicia tras pechar o seu período de inscrición cun novo record de deportistas anotados.

En total foron 5.968 as persoas inscritas, 68 delas na categoría de macha nórdica e 57 na de patinaxe, unha cifra moi superior aos 4.439 corredores que retiraron dorsal o pasado ano.

A isto engádeselle que tradicionalmente o número de participantes aumenta con deportistas non inscritos formalmente, polo que se espera que a festa do deporte coa que os pontevedreses despiden o ano sexa máis multitudinaria que nunca.

Na súa XXXII edición a San Silvestre de Pontevedra celebrarase como é habitual o 31 de decembro, con saída ás 17:00 horas desde a Avenida Montero Ríos.

Tras pechar o prazo oficial de inscrición, este luns 28 de decembro iníciase a retirada de dorsais na Casa da Luz, podendo recollerse en horario de 10.30 a 13.30 horas e de 16.30 a 19.30 horas, salvo o primeiro día só con horario de tarde e o día da carreira, só de mañá. Os atletas chegados de fóra de Pontevedra poderán tamén recollelo na liña de saída o día 31 de 15.30 a 16.30 horas.

Ademais, aínda que a participación é gratuíta, a Sociedad Gimnástica solicita unha axuda dun euro para colaborar cos custos da organización, ao que se suma a recollida solidaria de alimentos en beneficio do Comedor Social de San Francisco.