Castigo para o Ribadumia no desconto, empate do Arosa e triunfos de Villalonga e Céltiga

O Salnés
30 de outubro 2016

O Ribadumia gañaba ao Cerceda no minuto 90 nun partido de alta tensión, pero terminou sendo derrotado con dous goles na prolongación

David Sierra, adestrador do Ribadumia
David Sierra, adestrador do Ribadumia / Diego Torrado

Duro golpe ao Ribadumia na Senra ante o Cerceda (2-3), despois dun partido de alta tensión que acabou mesmo con incidentes na bancada.

O cadro aurinegro gañaba 2-1 no minuto 90, pero dous goles de Uxío para os visitantes no desconto déronlle a volta ao marcador.

O partido foi do máis igualado, pero púxose de fronte para os de David Sierra aos 25 minutos cun bo gol de Fran Fandiño desde a frontal. Empatou Álex Ares antes do descanso, pero na continuación un penalti cometido sobre Agus transformábao Camiño no 2-1.

Cedeu entón o control o Ribadumia, á espera dunha contra para sentenciar o choque. Non chegou ese gol e os locais terminárono pagando da forma máis cruel.

Coa derrota os da Senra caen á oitava praza da Terceira División con 17 puntos.

Consulta aquí o acta do Ribadumia-Cerceda.

Importante triunfo do Villalonga no campo dun rival directo, o CD Castro (1-2), para afastarse da zona perigosa da táboa.

Os celestes son agora undécimos con 16 puntos despois dun choque que decantaron na primeira metade.

Iván Renda aos 8 minutos poñía en vantaxe ao Villalonga, mentres Javi Pazos de penalti ampliaba o marcador no 28. Desde ese momento os de Antonio Fernández souberon defenderse con acerto e só sufriron nos últimos minutos cando o equipo local, no 84, recortou distancias.

Consulta aquí o acta do Castro-Villalonga.

Vitoria tamén para o Céltiga, no seu caso no Salvador Otero da Illa ante o Choco (1-0).

Un gol de Ramón Eiras ao fío do descanso bastou para decidir un choque tremendamente igualado e que deixa aos arousáns na sexta praza con 18 puntos.

Consulta aquí o acta do Céltiga-Choco.

Completou a xornada o Arosa fóra da casa, no campo do Dubra, nun partido que se lles atascou aos de Vilagarcía (1-1).

O cadro arlequinado adiantouse cun tanto en propia meta aos 13 minutos, pero o locais lograron repoñerse e igualar antes do descanso.

A pesar dos esforzos para desbloquear o partido, os de Jorge Otero non tiveron fortuna e tiveron que conformarse cun punto que lles mantén cuartos, con 20.

Consulta aquí o acta do Dubra-Arosa.