Ceci e Silvia colgan o bronce con España no Mundial de Costa Rica

Marín
16 de decembro 2014

A Selección Española impúxose a Costa Rica no partido polo bronce (2-8) tras caer en semfinais contra Portugal nun apertado encontro  

Ceci (dereita) tras perder a semifinal ante Portugal
Ceci (dereita) tras perder a semifinal ante Portugal

Non cumpriron o seu obxectivo de chegar á final de V Torneo Mundial de Fútbol Sala Feminino, pero Cecilia Puga e Silvia Aguete regresan cunha medalla de bronce ao pescozo da cita internacional disputada en Costa Rica.

Portugal apartou á Selección Española do soño da final nunha apertada e emocionante semifinal (3-2) que contou coa participación de Ceci, aínda que sen fortuna cara a meta rival.

O conxunto luso remontou ata en dúas ocasións e acabou decidindo o choque a falta de dous minutos para a súa conclusión.

A marinense disputou tamén o encontro polo terceiro posto ante a anfitriona do torneo, Costa Rica, un partido no que Silvia figurou como porteira titular.

A guardameta do Poio FS encaixou dous goles no contundente triunfo (2-8) das españolas, que se impuxeron con relativa comodidade no segundo tempo logo dun inicio de partido igualado.

Brasil levouse finalmente o Torneo Mundial ao gañar na final a Portugal (4-3) remontando dous goles en contra no tramo final.