Pódese destacar no circuíto profesional de tenis adestrando con base en Pontevedra? Celia Cerviño así o cre.
A tenista pontevedresa, que está a piques de comezar a súa primeira tempada completa como profesional tras o seu periplo universitario en Estados Unidos, foi recibida este mércores polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, que se comprometeu a "intentar colaborar na medida do posible" con ela nos seus primeiros pasos.
"Non depende de onde adestrar, non depende de ter o mellor adestrador do mundo, depende do que ti queiras facer e da calidade de traballo que ti poñas", asegura Cerviño sobre a súa decisión de apostar por adestrar na casa e non en lugares e academias con renome como as que existen na Comunidade Valenciana, Barcelona ou Mallorca.
"Para min a cousa máis importante é ter ao meu redor xente que confía en min ao 100%. Eu estou xigando na pista, miro a Tozé, miro a Chipi, miro ao meu preparador físico, á miña nutricionista e digo, é que teño todo, non hai nada que podia fallar. Por que non vai saír dende Pontevedra e vai sair desde Valencia, non teño razóns. Pontevedra é onde vivo, onde teño a miña familia e onde teño todo", defendeu a deportista tras a recepción.
Celia, que estableceu o seu cuartel de preparación no Club de Tenis Pontevedra, na Caeira, iniciará a súa tempada 2020 a partir do 20 de xaneiro con dous torneos consecutivos ITF 15K que terán lugar na Rafa Nadal Academy en Manacor, Mallorca.