Celia Cerviño pecha a súa participación no ITF de Sunderland cun novo segundo posto

Pontevedra
02 de marzo 2020

A número 1 do tenis galego acumula dúas finais desde o comezo de tempada e afronta nas próximas semanas dous novos campionatos de nivel internacional en México

Celia Cerviño xunto ás finalistas do ITF de Sunderland Borja Refojos

A tenista pontevedresa, Celia Cerviño, segue acumulando experiencia e grandes resultados a nivel internacional. Esta fin de semana alcanzou a final do cadro de dobres dun torneo ITF na cidade inglesa de Sunderland xunto á súa compañeira madrileña, María Gutiérrez. A final, que outorgaba un premio de 25.000 euros á parella gañadora, decantouse ao lado das tenistas locais Alicia Barnett e Olivia Nichols por 6-4 e 7-6.

Antes de alcanzar a final, Cerviño e Gutiérrez desfixéronse en primeira rolda dun dos dúos que partía como favorito ao título, a francesa Lou Brouleau e a romanesa Ioana Loredana Rosca. En cuartos de final desfixéronse das holandesas Eva Vedder e Judith Visscher, mentres que en semifinais tiveron que acudir ao tie break do terceiro set para eliminar á parella holandesa formada por Ariane Hartono e Richel Hogenkamp.

O bo facer da pontevedresa no cadro de dobres contrasta co seu papel no individual, no que caeu en primeira rolda. Aínda así, o balance para Cerviño é positivo debido a que demostrou recuperarse dunha molesta lesión de nocello que arrastraba desde o primeiro tramo de tempada en Mallorca. A prometedora tenista acumula xa dous finais e desde a súa contorna apuntan a que aínda ten unha ampla marxe de mellora por diante.

A galega fará agora unha breve escala en Pontevedra antes de cruzar o Atlántico para participar en polo menos dous torneos ITF na cidade mexicana de Cancún, á que ten previsto desprazarse o 6 de marzo.