O Concello de Cerdedo-Cotobade reafirmou hoxe o seu compromiso co deporte de elite mediante a sinatura de dous convenios de colaboración coas deportistas olímpicas Tamara Echegoyen e Antía Jácome, por un importe de 1.500 euros cada un.
As dúas deportistas, que mantén fortes vínculos co municipio, destacan polo seu brillante palmarés olímpico e internacional.
A regatista Echegoyen, Filla Adoptiva do concello e vencellada á parroquia de Viascón, conta cunha medalla de ouro olímpica en Londres 2012 e participou en catro Xogos Olímpicos, acadando ademais o cuarto posto en Río 2016 e Tokio 2020, e o decimosegundo en París 2024 na clase 49er FX.
En novembro anunciaba a súa retirada olímpica a través da rede social Instagram.
Pola súa banda, Antía Jácome, padexeira con raíces familiares na parroquia de Borela, participou nos Xogos de Tokio 2020 e París 2024, destacando o seu cuarto posto en C1 200m e sexto en C2 500m na última cita olímpica.
O seu palmarés inclúe catro medallas de prata en Mundiais e catro medallas en Europeos, ademais dun ouro e unha prata nos Xogos Europeos de Cracovia 2023.
O alcalde Jorge Cubela destacou durante a sinatura "o orgullo que supón para o concello contar con dúas deportistas de tan alto nivel". O rexedor subliña non só os logros deportivos senón tamén as súas "cualidades humanas".
Ambas deportistas promocionan activamente o nome de Cerdedo-Cotobade nas súas competicións internacionais.
