César Armán, única baixa do Teucro para o debut ligueiro en Irún

Pontevedra
10 de setembro 2014

Os xogadores que arrastraban diversas molestias durante os últimos días evolucionan favorablemente e poderán formar parte da convocatoria teucrista no inicio da tempada na División de Honra Prata

Toño Puga e Quique Domínguez dirixen un adestramento de pretempada do Teucro
Toño Puga e Quique Domínguez dirixen un adestramento de pretempada do Teucro / Mónica Patxot

Durante as últimas semanas de pretempada varios foron os xogadores teucristas que arrastraban molestias de diversa consideración, pero iso non será un impedimento para que Quique Domínguez poida dispoñer á práctica totalidade do plantel á súa disposición para o primeiro partido de liga.

Salvo contratempo César Armán, que se encontra á espera de concretar data para a operación da súa lesión de xeonllo, será a única baixa dos pontevedreses e o resto de xogadores poderán viaxar a Irún para enfrontarse ao Bidasoa (sábado 19:00 horas no pavillón municipal de Artaleku).

David Chapela e Carlos García seguen notando algunha molestia derivada das operacións ás que se someteron no tramo final da pasada campaña, pero se encontran en condicións de afrontar a estrea de curso na División de Honra Prata.

O que chega con menos ritmo de competición é Carlos Pombo, por causa da escordadura de nocello que o tivo á marxe do grupo pero aínda que "todavía le falta cierta movilidad y velocidad ya está entrenando con todo el equipo", recoñece o tecnico do Teucro, Quique Domínguez.

Pola súa banda Víctor Rodríguez, que se perdeu o último amigable ante o Novás por unha contractura nas costas, e Borja Pedreira, que se retirou aos cinco minutos dese mesmo partido por molestias nun xemelgo, adestran xa ao mesmo ritmo que os seus compañeiros.

Por todos estes motivos Quique Domínguez móstrase optimista ante a primeira viaxe da tempada, aínda que sexa para visitar a un dos favoritos da competición, o recén descendido Bidasoa Irún.