César Rodríguez e Santiago Abad impóñense nunha accidentada Subida Cidade de Pontevedra

Pontevedra
11 de maio 2014

A décimo sétima edición da proba chega ao seu fin despois de dous días de competición sobre o asfalto de Marcón e marcado polo alto número de abandonos

Subida Cidade de Pontevedra
Subida Cidade de Pontevedra

O alto número de abandonos e contratempos caracterizou a XVII Subida Cidade de Pontevedra, que finalizou este domingo tras dous días de competición.

Marcón recibiu un gran número de afeccionados ao motor durante os adestramentos e as catro mangas oficiais, nas que se rexistraron varios accidentes de consideración, o máis grave o atropelo dun comisario de seguridade.

Nos estritamente deportivo Santiago Abad (Congostra Team Sanxenxo) adxudicouse a clasificación final de carrozados, ao volante do seu Audi A4 STW, con case sete segundos de vantaxe sobre José Iglesias, mentres Víctor Magariños completou o podio no terceiro lugar a 12,4 segundos.

Abad puido manter a vantaxe sobre os seus rivais a pesar de ter que abandonar a última manga.

Pola súa banda César Rodríguez (Celanova Motor) foi o vencedor na categoría de non carrozados, depués de protagonizar un apertado final para remontar dende a terceira posición na que finalizou a xornada do sábado.

Rodríguez impúxose por diante de Jacobo Sobral, segundo, e Toño Varela, terceiro.

Os vencedores da Subida Cidade de Pontevedra son ademais os primeiros líderes do Campionato Galego de Montaña, que este ano arrancou coa cita lerezana.