Chamamento dos tres ex-presidentes do Galaico aos socios: "deben implicarse para sacar adiante o club dos seus fillos"

Pontevedra
10 de abril 2013

Roberto Cocheteux, José Ramón Meiriño e Héctor Vilariño solicitan a Alfonso Gallego que cumpra os mandatos da última asemblea e os socios poidan votar a súa continuidade. Vilariño cifra en 120.000 euros o saldo positivo do club cando abandonou a presidencia, o 23 de novembro de 2011

A difícil situación económica pola que atravesa o Club Natación Galaico, recoñecida polo seu actual presidente Alfonso Gallego na última asemblea, fixo que os tres ex-mandatarios da historia da entidade se unisen para pedir un esforzo aos socios en busca da súa viabilidade.

Roberto Cocheteux, José Ramón Meiriño e Héctor Vilariño mostráronse preocupados polo actual momento do Galaico e pediron implicación aos pais para reverter a situación, "os socios deben implicarse para sacar adiante o club dos seus fillos, deben arrimar o ombro".

Os tres coincidiron en pedirlle a Alfonso Gallego que cumpra cos acordos da última asemblea, na que o actual presidente se comprometeu a convocar de novo os socios para que votasen sobre a súa continuidade á fronte da directiva, "cremos que debe cumprirse xa e seguir avanzando para ou bo goberno do club".

Héctor Vilariño: "Tiñamos 70.000 euros no fondo de continxencia e 50.000 en caixa, o club non tiña que sufrir estes tempos de crise".

Pola súa banda o anterior dirixente da entidade, Héctor Vilariño, que abandonou o Galaico o 23 de novembro de 2011, criticou que se chegase a pasar penurias económicas despois do remanente co que contaba a entidade á súa saída, e que ascendía segundo as súas contas a 120.000 euros, "economicamente tiñamos unha saúde envexable con aproximadamente 70.000 euros non fondo de continxencia e 50.000 en caixa, o club non tiña que sufrir estes tempos de crise".

Ademais de Vilariño, José Ramón Meiriño, actual presidente da Fundación Rías do Sur, quixo facer fincapé nas inmellorables instalacións para adestrar e competir coas que conta o club, "cedémoslle gratis a piscina, ximnasio, biblioteca e oficinas. Agora con este medios e facilidades non queremos que esto se abandone. Penso que é un proble de administración".