Changui recibe o alta hospitalaria e continúa coa súa recuperación na casa

O Salnés
02 de novembro 2016

O futbolista do Ribadumia, tras estar ingresado máis de 15 días por mor dunha grave infección, agradeceu o apoio de seguidores e amigos do fútbol galego e sinalou que agora seguirá "recuperandome poquito a poco en mi casa para volver a mi vida normal lo antes posible"

Changui, no partido entre Ribadumia e Barco
Changui, no partido entre Ribadumia e Barco

A familia do Club Deportivo Ribadumia recibiu este martes a mellor noticia posible. O seu capitán, Marco Yáñez 'Changui', recibiu o alta hospitalaria.

O dianteiro levaba ingresado no Complexo Hospitalario de Santiago de Compostela desde o pasado 14 de outubro, cando ingresou en coma por mor dun grave proceso infeccioso xeneralizado. Despois duns días na Unidade de Coidados Intensivos e tras responder positivamente o tratamento, continuou a súa recuperación en planta, aínda ingresado.

Agora seguirá "recuperandome poquito a poco en mi casa para volver a mi vida normal lo antes posible", sinalou o propio xogador na súa conta de Twitter.

Ademais quixo agradecer o apoio recibido a seguidores e amigos do fútbol galego tras pasar "unos días difíciles para mí y para mi familia".

Polo momento, nin Changui nin o Ribadumia plantexan prazos para a súa volta aos terreos de xogo. Todos confían en velo en acción pronto, pero o primeiro é lograr unha recuperación plena.