Chano Rodríguez pecha os seus sextos Xogos Paralímpicos con dous diplomas

Pontevedra
26 de agosto 2021

O nadador do CN Galaico finalizou en quinta posición na proba do 4x50 mixto para conseguir un diploma que suma ao logrado na xornada anterior nos 200 metros estilo libre. Ademais, quedou a só dous segundos de clasificarse para a final do 100 libre

O nadador do CN Galaico, Chano Rodríguez, nos Xogos Paralímpicos de Tokio
O nadador do CN Galaico, Chano Rodríguez, nos Xogos Paralímpicos de Tokio / Comité Paralímpico Español

O nadador do CN Galaico, Chano Rodríguez, pechou este xoves a súa participación nos Xogos Paralímpicos de Tokio conseguindo un novo diploma, que se suma ao conseguido na xornada anterior na proba dos 200 metros estilo libre. Esta vez, o recoñecemento chegou nas remudas mixtas. Pola contra, no 100 libre, a terceira modalidade na que participou, non puido clasificarse para a final.

Na proba de remudas, Rodríguez logrou meterse na final co mellor tempo da súa serie, 2:29.24. Unha marca que mellorarían na carreira polas medallas (2:25.66) pero que non bastou para subirse ao podio, quedaron a menos dun segundo do equipo brasileiro. O ouro foi para China e a prata, para Italia.

Menos sorte tivo na primeira das probas disputadas este xoves. Nas semifinais do 100 libre, o nadador do CN Galaico detivo o cronómetros en 1:19.45. Un tempo que lle bastou para ser cuarto na súa serie, pero na outra semifinal Luís Hortas, quinto, mellorou a marca en case dous segundos e deixou ao vigués fóra da loita polas medallas.

En Tokio, Chano Rodríguez non puido ampliar o seu catálogo de medalles, pero si a súa lenda. Con 64 anos, pecha a súa sexta participación nuns Xogos Paralímpicos e faino disputando dous finais e con dous novos diplomas debaixo do brazo.