Charles, unha baza decisiva para convencer ás fichaxes: "En canto falei con el díxome que ía ser un bo equipo para ascender"

Pontevedra
24 de agosto 2023

O ex-futbolista, que este verán asumiu galóns na secretaría técnica do club, xogou un papel decisivo en moitas das incorporacións estivais segundo recoñecen os propios xogadores. Ata final de mes quedan aínda decisións importantes por tomar da man do club, como a resolución do 'caso Guèye' ou a adxudicación das fichas sub-23

Charles, na presentación de Yago Iglesias como adestrador do Pontevedra
Charles, na presentación de Yago Iglesias como adestrador do Pontevedra / Mónica Patxot

O Pontevedra Club de Fútbol encara o tramo final do mercado de fichaxes aínda con varios asuntos sobre a mesa, como a resolución do 'caso Guéye' e a adxudicación das prazas sub-23 libres, xa sexa con novas fichaxes ou con xogadores procedentes do filial.

Nelas contará cun papel importante Charles, convertido no home forte da secretaría técnica. Así o foi demostrando ao longo do verán tras asumir galóns nesta parcela despois da súa retirada dos terreos de xogo.

Ademais do seu traballo man a man co adestrador, Yago Iglesias, o brasileiro foi decisivo á hora de convencer ás novas incorporacións para fichar polo Pontevedra. Fórono recoñecendo nas últimas semanas os propios protagonistas, nas súas primeiras entrevistas do curso.

"Chamoume Charles e en canto falei con el díxome que ía ser un bo equipo para ascender", sinalou esta semana a PontevedraViva o ata o de agora última fichaxe, Dalisson de Almeida.

"Co primeiro que falei foi con Charles. Púxose en contacto comigo para ver como era a miña situación e a verdade foi todo dun día para outro. Foi sinxelo chegar a un acordo", afirmou á súa vez Mario Gómez.

Dous exemplos pero non os únicos da implicación de Charles Dias á hora de fichar, e é que Yago Iglesias xustificou tamén o seu momento a aposta polos extremo Marcos Barbeiro por ser "un xogador que Charles coñeceu e viu". 

Xa o avanzaba despois da súa retirada, que ía "poñer todo de min para que salga ben", e é que tal e como era como futbolista Charles non entende outra forma de ver o fútbol e a vida se non é implicándose ao 100%.