Non é nada común nos últimos anos que tres atacantes do Pontevedra destaquen tanto no plano goleador nunha mesma tempada como están a facer este ano Charles, Brais Abelenda e Rufo, que suman entre os tres 37 tantos, moitos máis que a maior parte dos equipos da 2ª RFEF.
Pero o tridente de Ángel Rodríguez non só vence na comparación cos seus rivais deste ano, tamén o fai con outras tipletas ofensivas que vestiron a granate en épocas pasadas, pero case ningunha tan efectivas como a actual.
De feito, só tres dos mellores arietes da historia recente do Pontevedra presentan mellores rexistros. E un daqueles segue vestindo de granate. Falamos do trío brasileiro formado polos irmáns Yuri e Igor de Souza, xunto co seu primo Charles. A familia anotou na súa primeira tempada compartindo vestiario en Pasarón 49 goles.
Foi na tempada 2005/2006. O actual pichichi granate, que por aquel entón vivía a súa segunda tempada en Pontevedra, asinou 13 tantos. O recentemente chegado Yuri deslumbrou con 22 e Igor, chegado no mercado invernal, eclipsou aos seus parentes con 14 dianas. Unhas marcas estratosféricas que non serviron para devolver aos granates a Segunda División.
Ao ano seguinte seguiron marcando a pauta ofensiva do conxunto lerezano, pero a achega goleadora de Charles e Igor caeu ata os 9 e 5 goles respectivamente. Non así, a de Yuri, que antes de facer as maletas, deixou outros 24 tantos no seu haber.
Charles seguiu defendendo o escudo dos seus amores ata a tempada 2009/2010, pero nunca máis ía coincidir cos seus dous curmáns sobre o verde. Yuri ausentouse un ano para logo regresar e abandonar o Pontevedra de forma definitiva tras a conclusión da campaña 2008/2009. Igor pola súa banda, seguiu goleando en Pasarón ata xuño do 2008. Regresou en xaneiro do 2010 para conducir aos granates cara ao playoff de ascenso, pero abandonou un ano máis tarde, cando o equipo navegaba sen rumbo cara ao abismo de Terceira.
Ninguén esquece en Pasarón as tardes de goles brindada polo trío brasileiro, pero houbo outro tridente que deu unha alegría aínda maior: o ascenso a Segunda División. Na tempada 2003/2004, Manu Busto, Javi Rodríguez e Capdevila anotaron 35 tantos, unha cifra que se dispara ata os 54 se se teñen en conta as dianas doutros tres homes fundamentais para abandonar a Segunda B: Xaco (9), Padín (5) e Cabarcos (5).
Xa na tempada anterior, estes protagonistas deran unha pequena mostra do seu potencial. Javi Rodríguez (20) e Manu Busto (7), xunto coa explosión dun futbolista de Primeira División como Diego Castro (9), entusiasmaron á inchada granate con 36 tantos. Brillaron tamén aquel ano Carlos Padín e Santi Domínguez, con 10 e 6 goles respectivamente.
Sen botar a vista tan atrás, o último prolífico tridente que defendeu a granate conduciu ao Pontevedra de regreso a Segunda B. Os 19 goles de Carnero foron fundamentais para asegurar o título de liga da tempada 2014/2015 en Terceira División, os 10 tantos de Jorge Rodríguez, sobre todo os conseguidos na final do playoff contra o Haro, certificaron o ascenso. E por detrás, levando a batuta da orquestra, estaba Adrián Mouriño que ademais de asistencias regalou 8 goles.
Houbo outros destacados goleadores nas últimas tempadas, pero nunca estiveron tan ben acompañados. Moitos lembrarán os 12 tantos de Borjas Martín, ou as mesmas 12 dianas de Mario Barco. Tampouco son fáciles de esquecer os tantos de Manu Barreiro durante a odisea por Terceira División, nin moito menos os 16 goles de Javi Rodríguez naquela efémera tempada en Segunda División que fixo, por momentos, soñar aos granates coa permanencia.
Pero todas esas cifras quedan en nada ao comparalas cos rexistros de Brais, Rufo e Charles. O ariete brasileiro, que regresou á súa casa 10 anos despois para sacarse a espiña dos ascensos que nunca puido celebrar, atopou nos seus socios da dianteira o mesmo feeling que tiña cos seus curmáns Yuri e Igor. Xuntos promedian 1,3 goles por partido, un cociente aínda mellor que os 1,28 que aseguraba a familia naquel curso 2005/2006.