Chega a hora da verdade para Javi Gómez Noya, que busca ampliar a súa lenda no Ironman de Hawaii

Pontevedra
12 de outubro 2018

Ninguén na historia conseguiu vencer na súa primeira participación na meca do tríatlon, o Campionato do Mundo Ironman en Kona, Hawaii, e iso é precisamente o que tentará este sábado 13 de outubro Javi Gómez Noya despois de toda unha tempada enfocada a este preciso momento

Javi Gómez Noya, no Ironman 70.3 de Barcelona
Javi Gómez Noya, no Ironman 70.3 de Barcelona / Ironman

Todo un ano de esixente preparación para isto. Javier Gómez Noya cítase este sábado 13 de outubro coa historia no Campionato do Mundo Ironman.

Ninguén conseguiu vencer na súa primeira aparición na lendaria proba que se celebra cada ano en Kona, Hawaii, e iso é precisamente o que tentará toda unha lenda do tríatlon como o galego.

O seu nome aparece entre os principais favoritos da proba, a pesar de ser só a súa segunda carreira en distancia  Ironman (debutou cun segundo posto en  Cairns, Australia). Con todo a de Hawaii é unha proba diferente, xa que á esixencia dos 3.800 metros a nado, 180 quilómetros de ciclismo e o maratón a pé final únese a dureza que achegan as condicións de calor, humidade ou vento.

Xunto a Gómez Noya as miradas céntranse no actual campión mundial, o alemán Patrick Lange, que nas súas dúas participacións previas conseguiu un terceiro e un primeiro posto (2016 e 2017). Tamén se atopa nas quinielas Lionel Sanders, segundo o pasado ano, ou Sebastian Kienle, campión en 2014.

A gran ausencia será a do alemán Jan Frodeno, que derrotou a Gómez Noya no recente mundial en distancia 70.3.

A competición elite masculina do Campionato do Mundo Ironman dará comezo ás 6:35 da mañá en Hawaii, as 18:35 do sábado en España, cunha lista de participantes na que tamén figura outro deportista galego, Iván Raña.