Chegan a meta os primeiros corredores da carreira de ciclismo máis épica

Pontevedra
04 de xuño 2022

O portugués José Pacheco, participante na modalidade de 200 quilómetros, foi o primeiro en cruzar a liña de meta cun tempo inferior a dez horas. Os que compiten na categoría de 300 quilómetros chegarán de madrugada á meta situada no Paseo de Montero Ríos

Epic Race 2022
Epic Race 2022 / Epic Race

A última hora desta tarde de sábado, despois de tomar a saída ás 8 da mañá desde o Paseo de Montero Ríos, comezaron a chegar á meta instalada no mesmo punto os primeiros corredores participantes na Epic Race, unha carreira de ciclismo BTT na que os deportistas deben completar un percorrido de 200 ou 300 quilómetros polos montes da provincia nun formato  non-stop.

Os máis atrevidos, os que compiten na proba de 300 quilómetros, seguirán dando pedais, como mínimo, ata a madrugada do domingo. Pero igualmente valentes foron os que completaron o trazado de 200 quilómetros en menos de dez horas, algo que fixo o portugués José Pacheco, o primeiro en cruzar a liña de meta. Tras el foron chegando o resto de participantes tanto da modalidade individual como por parellas.

Esta competición ciclista de resistencia celébrase durante os días 4 e 5 de xuño cun límite de 28 horas e 19 horas para cada unha das distancias, xa sexa de maneira individual ou por equipos de ata tres corredores.

En total inscribíronse na competición 300 deportistas participantes con presenzas destacadas como o actual campión de España da especialidade, Juan Pedro Trujillo.

A proba está dividida en sete etapas: Pontevedra-Meaño, Meaño-Portas, Portas-Moraña, Moraña-A Lama, A Lama-Mondariz, Mondariz-Redondela e Redondela-Pontevedra.