Cheo garantido na cidade co Campionato de España Máster de Natación

Pontevedra
04 de febreiro 2019

Preto de 1.200 deportistas daranse cita entre o 7 e o 10 de febreiro nesta competición nacional que terá lugar por cuarta vez na cidade, en concreto no Complexo Deportivo Rías  do Sur de Pontemuíños  

Presentación do Campionato do España Máster de Natación
Presentación do Campionato do España Máster de Natación / Mónica Patxot

Pontevedra acollerá desde o vindeiro xoves 7 de febreiro, por cuarta vez na súa historia, o Campionato de España Máster de Natación, na súa modalidade de inverno en piscina curta.

Trátase dunha competición que garante o cheo na cidade durante catro xornadas, ata o domingo día 10, ao contar con preto de 1.200 deportistas inscritos de diferentes idades, ata os 93 anos que marca como tope un nadador canario.

É un campionato diferente, aseguran desde a organización, e é que "cada uno va con su nive y su objetivo, unos para correr mucho y otros para medirse y conocer ciudades", asegurou na presentación do evento o presidente da Federación Española de Natación, Fernando Carpena.

De todos eses nadadores, a representación máis nutrida chegará desde a comunidade madrileña (373), seguido de Valencia (120) e Galicia (107).

Segundo Carpena, aludindo a un estudo realizado hai anos, un evento como o Campionato de España de categoría Máster reporta na cidade organizadora "entre 400.000 o 500.000 euros" de retorno.

O presidente da Federación Española avanzou ademais xunto ao alcalde, Miguel  anxo Fernández Lores, que "espero que dentro de poco presentemos otra cosa", en alusión a futuras competicións de nivel que poderían recalar na cidade.

Na presentación do campionato estiveron presentes tamén a presidenta do Club Natación Galaico, Amparo Porta, o presidente da Fundación Rías do Sur,  Héctor Vilariño, a deputada provincial de Deportes, Chelo Besada, o xefe do servizo de Deportes da Xunta de Galicia na provincial, Daniel Benavides, e membros da directiva da Federación Galega de Natación.