Churre apura as súas opcións de entrar na convocatoria fronte ao Compostela

Pontevedra
19 de febreiro 2021

O central marinense é a principal dúbida no Pontevedra de fronte ao duelo fronte aos santiagueses do domingo en Pasarón. A pesar de estar a adestrar xa co grupo, Luisito recoñece que esperará a última hora para ver se o inclúe na lista

Víctor Vázquez 'Churre' nun adestramento do Pontevedra en Pasarón
Víctor Vázquez 'Churre' nun adestramento do Pontevedra en Pasarón / Cristina Saiz

O estado físico de Víctor Vázquez 'Churre' é a principal dúbida no Pontevedra Club de Fútbol ante o derbi que lle espera o vindeiro domingo 21 de febreiro no Estadio Municipal de Pasarón fronte á Sociedade Deportiva Compostela.

O central marinense, que caeu lesionado na previa do doio fronte ao Zamora a principios de mes afectado dunha pequena rotura fibrilar, incorporouse ao longo da semana aos adestramentos de grupo e "está a adestrar ben", recoñece Luisito.

Con todo pode non ser suficiente para o seu regreso a unha convocatoria, e de feito segundo o técnico " penso que non van chegar ningún dos dous", sinala en referencia ao propio Churre e a Adrián Cruz, este si 100% descartado a pesar de estar na fase final da súa recuperación.

Volvendo ao defensor ata última hora "non tomaremos a decisión",  sinala Luisito sobre a posibilidade de que entre finalmente na lista, aínda que sexa só por se se dá o caso de requirir a súa presenza sobre o verde ao longo do encontro.

Desta forma e ante o nivel mostrado nas últimas dúas xornadas, todo apunta a que o centro da zaga granate volverá estar composta por Xisco Campos e Pol Bueso.

No que respecta a Adrián Cruz, "aínda queda", explicou o adestrador do Pontevedra sabedor de que probablemente ata o mes de marzo non poderá contar co centrocampista de Moaña.