Churre: "Se queremos quedar campións non pode escapar ningún punto de aquí"

Pontevedra
20 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

O defensor granate compareceu este mércores no Estadio Municipal de Pasarón. Asegura estar "con moitas ganas" de volver ao equipo tras cumprir un encontro de sanción e pide un esforzo á afección porque para conseguir o ascenso "creo que é clave a xente que vén a Pasarón e que estea a empuxar"

Víctor Vázquez 'Churre', no partido de liga entre Pontevedra CF e Guijuelo en Pasarón
Víctor Vázquez 'Churre', no partido de liga entre Pontevedra CF e Guijuelo en Pasarón / Cristina Saiz

Víctor Vázquez 'Churre' compareceu este mércores no Estadio Municipal de Pasarón para valorar a actualidade do Pontevedra Club de Fútbol a poucos días de recibir no Estadio Municipal de Pasarón o Marino de Luanco (domingo 24, 17.00 horas).

O defensor, un dos capitáns do plantel granate, asegurou estar "con moitas ganas" de volver ao equipo tras cumprir un partido de sanción, e incidiu na importancia de vencer nos catro encontros que restan por xogar na casa.

"En Pasarón quedan catro partidos, se queremos quedar campións non se pode escapar ningún punto de aquí", defendeu Churre.

O marinense pediu ademais un esforzo á afección pontevedresa porque "creo que é clave a xente que vén a Pasarón e que estea a empuxar". De feito "hai dous anos viviuse cando ascendemos, que nos últimos partidos en Pasarón había un ambientazo e ao final moitas veces se gañabas era grazas a eles, ese empuxe e ese plus máis que te dá e que ao rival o encolle un pouquiño. Pediríalles que viñesen, que nos empuxasen", incide.

Todo iso empezando por un Marino de Luanco que loita por evitar o descenso pero que é o terceiro equipo menos goleado do grupo. "Sabemos contra o equipo que xogamos, teñen xente moi veterana na categoría, que levan moitos partidos nas pernas e saben do que vai o fútbol, non vai ser nada sinxelo", prognostica Churre afirmando que "os números que teñen en contra falan moi ben do seu traballo como equipo, no seu conxunto, e imos a precisar ter os cinco sentidos postos sobre o verde para gañar".

O Pontevedra buscará ademais cortar a serie de goles en contra das últimas xornadas, a excepción do encontro contra o Avilés. En todo caso "está a custarnos manter a portería a cero pero creo que non é preocupante" porque "o equipo segue coa súa idea", afirma o central defendendo o estilo que lles levou ao liderado.