Chuvia de medallas para os atletas da Gimnástica nos campionatos autonómicos Promesa, Júnior e Xuvenil

Pontevedra
08 de xuño 2015

O club pontevedrés destacou na competición celebrada na Coruña logrando un total de 21 medallas

Alfonso Pérez no podio do Campionato Galego na Coruña
Alfonso Pérez no podio do Campionato Galego na Coruña / Sociedad Gimnástica

A Coruña foi escenario a pasada fin de semana dos campionatos galegos de atletismo en tres categorías: Promesa, Júnior e Xuvenil.

Na cita a Sociedad Gimnástica tivo un papel destacado igualando o seu resultado de 2014, colgándose os seus atletas un total de 21 medallas.

Desas preseas sete foron de ouro, seis de prata e oito de bronce, nunha xornada marcada polo fallo na cronometraxe electrónica que invalidou as marcas obtidas, arruinando as esperanzas dos atletas de lograr as marcas mínimas para o Campionato de España nas probas de velocidade.

Ángel Vargas e Inés Martínez foron os atletas pontevedreses máis destacados con dous oros cada un, Ángel no dobre hectómetro e nos 400 metros en categoría xuvenil, mentres Inés gañou en salto de de altura e pértega promesa logrando ademais o seu mellores marcas saltando 1,59 e 3,10 metros respectivamente.

As outras medallas de ouro foron para Alfonso Pérez nos 400 metros júnior, Emma Ramos no salto con pértega xuvenil e Sergio Paredes no lanzamento de martelo júnior, colocándose ademais terceiro do ranking nacional grazas a un lanzamento de 60,10 metros.

Pola súa banda lograron a prata Jorge Puig, Andrea Pais e Emma Casas en categoría xuvenil e Rocío Rodríguez e Paula Martín por partida dobre en promesa.

Ademais foi bronce a propia Paula Martín, ao igual que Xavier Rodríguez, Pedro Bastos e Claudia Puig en dúas ocasións en idade xuvenil e Darío Costas, Eva Salgado e Verónica Echeverría en categoría júnior.