Ciclismo en estado puro na segunda edición da 4 Picos Road

Pontevedra
17 de xuño 2018

A marcha cicloturista aproveitou unha gran xornada de domingo para reivindicarse botando á estrada a 745 ciclistas na que é só a súa segunda edición. Miguel Indurain, padriño da proba nesta ocasión, acaparou os focos na saída 

Segunda edición da Pontevedra 4 Picos Road Clásica Evaristo Portela
Segunda edición da Pontevedra 4 Picos Road Clásica Evaristo Portela / Diego Torrado

Sol, boa temperatura e mellor compañía. Con eses ingredientes era difícil que a Pontevedra 4 Picos Road Clásica Evaristo Portela saíse mal.

Ata 745 ciclistas estaban inscritos na segunda edición da marcha cicloturista, na que acaparou boa parte dos focos Miguel Indurain, pentacampión do Tour de Francia e padriño nesta ocasión do evento.

Indurain, o homenaxeado Evaristo Portela e o resto de participantes tomaron a saída ás 9:00 horas desde a Avenida Montero Ríos para afrontar un esixente pero bonito percorrido, no que figuraban ata 4 ascensións desde as que gozar da mellor paisaxe das Rías Baixas.

En total, para os que optaron pola opción longa (podían completarse dúas, tres ou catro picos), eran 120 quilómetros de percorrido con 2.593 metros de desnivel acumulado positivo, pasando polos altos do Lago de Castiñeiras, o Miradoiro de Morañó en Campo Lameiro, Monte Acibal e o Monte Castrove. 

Unha carreira para gozar da paixón pola bicicleta que demostrou este domingo a súa boa saúde e que promete volver pronto.