A ciclista do Farto Violeta Hernández sofre un atropelo mentres adestraba

Pontevedra
08 de maio 2025

A corredora foi atropelada por un turismo mentres adestraba en Molina de Segura. Polo momento "confirmouse unha fractura de radio e varias contusións", confirma o equipo pontevedrés

Presentación da tempada 2025 do Team Farto
Presentación da tempada 2025 do Team Farto / Mónica Patxot

Susto dos gordos o vivido este mércores polo Team Farto - Kiroot.

O equipo ciclista pontevedrés confirmou que unha das súas corredoras, Violeta Hernández, foi atropelada por un turismo mentres adestraba en Molina de Segura.

A consecuencia do golpe "polo momento confirmouse unha fractura de radio e varias contusións que requiriron de suturas", confirma o Farto.

Avanza tamén que "se están levando a cabo probas a maiores para descartar outro tipo de lesións".

A ciclista yeclana, de 20 anos de idade, rodaba acompañada doutros dous deportistas que tamén resultaron feridos "de diversa consideración", sinala o comunicado feito público polo Farto.

Violeta Hernández recupérase xa no Hospital Morales Meseguer de Murcia, onde permanece ingresada e en compañía da súa familia.

"Á espera de novidades sobre o estado de saúde de Violeta, a súa familia e o equipo están a traballar para pór todos os medios posibles que faciliten a súa pronta recuperación", explica o equipo pontevedrés pedindo que se respecte a intimidade da deportista nun momento tan complicado.