Cinco tempadas despois, o Club Cisne Balonmán contará cun patrocinador principal.
Desde a súa tempada de debut na Liga Asobal, a entidade pontevedresa non lograra pechar un apoio económico directo para a parte frontal da súa camiseta e o nome o primeiro equipo.
Iso cambiou coa empresa pontevedresa Quireza Events, dedicada á promoción de eventos musicais, e que se converteu no novo patrocinador principal do Cisne.
O acordo, por unha tempada, foi anunciado este martes nun acto celebrado no Hotel Galicia Palace.
"Levamos cinco anos sen contar con ese respaldo importante que consolide o proxecto", explicou o presidente do Cisne, Santiago Picallo.
Agora, co apoio do seu novo patrocinador "estamos convencidos de que imos poder consolidar o proxecto en División de Honra Prata, que cada día está máis difícil", engadiu o dirixente.