Despois do parón por semana santa, Club Cisne Balonmano e Sociedad Deportiva Teucro regresan á competición ligueira co obxectivo claro de conseguir dous puntos para manter vivas as súas aspiracións para final de tempada.
O conxunto branco, por unha banda, visitará o Alcobendas (18:30 horas), un equipo que "en casa fai as cousas ben" e que máis empates conseguiu en liga, perdendo tan só dous encontros por máis dun gol.
Tal e como indicou o segundo adestrador cisneísta, Quiños, será un "partido complicadísimo". O Alcobendas "sempre compite e ten unha mestura de xogadores novos con veteranos" entre os que destacan Velasco, De la Rubia, Bruno García ou Boyarizo.
Ten "un dos mellores ataques en canto a xogo e continuidade" da liga, sinalou, por iso o Cisne deberá estar atento no "repregamento porque o saque de centro e contraataque fano moi ben. Temos que estar moi concentrados en defensa para traer os dous puntos a casa".
Pola súa banda, a Sociedad Deportiva Teucro recibirá no Centro Galego de Tecnificación Deportiva ao Reconquista de Vigo (20:00 horas), cuarto clasificado a seis puntos dos pontevedreses.
Ante esta situación, un triunfo do equipo adestrado por Irene Vilaboa será clave para poñer distancia entre o terceiro e cuarto posto e seguir metendo presión ao OAR Coruña, segundo con tan só un punto máis que o Teucro (39 puntos).