Cita co "evento de lucha más importante de España" no Pavillón Municipal

Pontevedra
22 de marzo 2017

Pontevedra prepararse para acoller o vindeiro sábado, 25 de marzo, o Campionato de España de Loitas Olímpicas para as categorías senior e absoluta, con preto de 600 participantes. Na presentación do evento o presidente da Federación Galega revelou que a cidade de Lérez é xa candidata oficial ao Campionato de Europa Junior de 2019

Presentación do Campionato de España Senior e Cadete de Loitas Olímpicas
Presentación do Campionato de España Senior e Cadete de Loitas Olímpicas / Mónica Patxot

O Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra vivirá o vindeiro sábado 25 de marzo unha intensa xornada coa celebración do Campionato de España Absoluto e Cadete de Loitas Olímpicas.

Ao redor de 600 deportistas daranse cita no "evento de lucha más importante que se puede celebrar en España", sinalou na súa presentación o presidente da Federación Galega de Loita, José Luis Olazábal.

Ben cedo, ás 9:00 horas, dará comezo a xornada coa competición cadete, mentres o torneo senior arrincará ás 12:30 horas continuando sen pausa ata aproximadamente as 18:30 horas. Todo iso con entrada de balde para o público.

Galicia estará ben representada na cita con "unha selección joven", sinalou Marcos Miragaya, representante ademais dun Club de Loita Pontevedra que presenta a dous deportistas que "están trabajando muy bien y son candidatos a todo", como son Lydia Pérez e Pablo García.

No Municipal instalaranse ata catro tapices de competición, que contarán cunha iluminación específica posible tras a recente reforma nas instalacións.

PONTEVEDRA, CANDIDATA OFICIAL AO EUROPEO JUNIOR 

Na presentación do Campionato de España o presidente da Federación Galega recoñeceu que Pontevedra é xa candidata oficial a acoller o Campionato de Europa Junior de Loita en 2019, despois do interese mostrado polo alcalde no principio do ano.

"Creo que tenemos muchísimas posibilidades y tanto la Federación Galega como la Española vamos a dejarnos la piel en ello", sinalou Olazábal.

O Europeo junior supoñería "una semana completa de competición y congregar a unas 5.000 personas", explicou nun acto no que tamén estaba presente a concelleira de Deportes, Anxos Riveiro.

Pontevedra pugnará por ser a sede do campionato con outra cidade, a localidade polaca de Bydgoszcz.