Claudia aproveita en Rusia os seus primeiros minutos coa Selección Española

Poio
08 de maio 2015

A xogadora do Poio Fútbol Sala gozou de minutos nos dous primeiros partidos da Selección Española no VI Torneo Internacional Día da Victoria que se está a disputar en Rusia. A súa compañeira de equipo Silvia Aguete acompáñaa na convocatoria internacional

Silvia e Claudia (números 12 e 11) coa Selección Española en Moscú
Silvia e Claudia (números 12 e 11) coa Selección Española en Moscú

Quedara ás portas de acudir ao Mundial de Costa Rica, para o que estivo preseleccionada, e tivo que esperar ata maio deste ano para debutar co combinado nacional.

Claudia, convocada a última hora para participar no VI Torneo Internacional Día da Victoria de Rusia, gozou dos seus primeiros minutos coa elástica da Selección Española e fíxoo por partida dobre, nos dous primeiros partidos do campionato.

Na primeira xornada, na que España se impuxo 9-1 ao equipo B de Rusia, a xogadora do Poio Fútbol Sala gozou de oito minutos nos que perder os nervios propios do debut. Nese partido tamén tomou parte a súa compañeira de club Silvia Aguete, unha habitual nos plans do seleccionador.

Pero se o debut xa era unha boa noticia, no segundo encontro do torneo, ante Irán (5-0), Claudia volveu gozar de protagonismo.

Tras a disputa das dúas primeiras xornadas España lidera xunto a Rusia a clasificación do grupo, equipos que se xogarán o campionato no choque que os enfrontará este sábado.